20 dic 2011

UN PREMIO PARA TODOS

Xa están publicados no Boletín Oficial del Estado os premios nacionais de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas nos centro escolares. Como podedes ler na imaxe, o premio recoñece a colaboración de toda a comunidade educativa: mestres, familias, Concello… Vai por vós…


19 dic 2011

ATENEA VIEITES LUNA GAÑADORA

Outra vez estamos de celebración no CRA de Ribadumia, a nosa alumna Atenea da Escola de Ribadumia, da clase de 3 anos resultou gañadora do concurso de postais de Nadal organizado polo Concello de Ribadumia.
Foi a escollida para felicitar o Nadal a todos os veciños e veciñas.
Parabén para ela e para toda a súa familia e... FELICES FESTAS!!!




16 dic 2011

O BELEN DE VALGA

Para aquelas familias que gusten desta tradición tan propia destas datas, recomendamos levar aos cativos a coñecer o belén artesanal en movemento de Valga. Pódese visitar de luns a venres de 17:30 a 20:30, sábados de 17:00 a 20:30 e domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30. Nel atoparedes representados ademais das escenas do Nacemento, aspectos propios da nosa terra como a matanza do porco, ou acontecementos actuais e curiosos como a voda da Duquesa de Alba. Máis información en http://belendevalga.org/2011/12/inauguracion-do-belen-artesanal-en-movemento

14 dic 2011

Non paramos de traballar...

A estas alturas do curso, aína que as forzas flaquean un pouco e os cativos pensan máis en Papá Noel e nos Reis Magos, a actividade no CRA é frenética.
A maiores do traballo diario dos cativos, estamos redobrando esforzos para poñer o local social de Leiro a punto para a festa de Nadal, e xa estamos rematando os carteis para o concurso da exposición sobre Valentín Paz Andrede que é o autor homenaxeado no ano 2012 no día das letras galegas.
¡Ánimo cativos, xa falta pouco!










Visitamos o Belén de "Chuco"

Un ano máis non podiamos faltar a nosa cita co veciño de Ribadumia "Chuco", que abriunos de novo as portas da súa casa para poder admirar o seu belén. Igual que os nenos do CRA, o belén medrou e este ano, e era aínda máis grande que o ano pasado. Non faltaba de nada: a Virxe María movendo o berce do Neno Xesús, homes pescando, raposos roubando galiñas, exércitos de romanos... en unha palabra ¡espetacular!

A nosa chegada estaba a alcaldesa de Ribadumia, á que queremos agradecerlle a súa colaboración á hora de poñer a nosa disposición os autobuses para realizar a visita, e tamén as cámaras da televisión que entrevistaron aos nenos e nenas.
Se queredes ver todas as fotos clicade AQUÍ.
Gracias a Chuco e a súa muller e... ¡O ano que ven repetimos!




13 dic 2011

SALÓN DO LIBRO 1012

Xa ten fixada data a 13º edición do Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Desenvolverase do 4 ao 31 de marzo de 2012 e estará dedicado ás supersticións. Á volta das vacacións de Nadal, na biblioteca do cole logo empezaremos a argallar historias ao redor delas e do autor homenaxeado nesta ocasión: Paco Martín. Para os que lles apeteza ir familiarizándose co tema, aquí deixámoslles o enlace con toda a información. http://www.salondolibro.org/

11 dic 2011

LETRAS GALEGAS 2012


O 17 de maio de 2012, día das letras galegas, estará dedicado a Valentín Paz Andrade. O noso equipo de normalización lingüística xa se puxo a investigar ao redor da vida e obra deste personaxe. Son moitas as propostas que están preparando, pero sen lugar a dubidas a que máis interese está a espertar é o traballo que andan a realizar para participar no “Concurso para a elaboración dunha exposición sobre o autor homenaxeado” convocado pola Secretaria Xeral de Política lingüística. Non sabemos se gañaran ou non, pero o que non nos deixa a máis mínima dubida é que están a desenvolver un impresionante traballo de investigación, deseño e adaptación didáctica da vida e obra de Valentín Paz Andrade.

10 dic 2011

BUBISHER

O Bubisher é un paxariño que vive no deserto do Sahara. O seu nome significa paxaro da boa sorte porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quere dicir que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos de refuxiados do Sáhara para levar libros en español. Ou sexa, unha biblioteca... pero con rodas. Agora o Bubisher tamén ten “o niño bubi”, unha biblioteca fixa en construción.
O noso centro, xunto con outras moitas Bibliotecas Escolares Galegas, contribuen con esta fermosa iniciativa, escollendo un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado “Niño do Bubi”. A esas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbums como aves portadoras de boa sorte, como bubishers cheos de cor, imaxes, historias.
(Adaptación do texto publicado en http://osegrel.blogspot.com/2011/12/10-de-decembro-dia-dos-ddhh.html )
O libro que o noso centro escolleu para enviar é “A que sabe la luna”, seguro que case todos o coñecedes, senón podedes picar na imaxe e ver o video.

8 dic 2011

GUÍA DE LECTURA DE TRADICIÓN ORAL

Segundo o calendario das letras, a segunda quincena do mes de novembro está dedicada á tradición oral. Aos ditos, recitados, xogos, cancións… que escoitabamos aos nosos avós cando eramos pequenos e que, dende a escola, ano tras ano, pretendemos recuperar con diferentes propostas. Unha delas é esta guía de lectura onde poderedes atopar algún deles recompilados en diversos libros



Se tamén queredes mergullarvos nas diferentes actividades realizadas nas aulas, aquí deixámosvos un resumo do que fixeron:
http://ribadumiapequenos.blogspot.com/search/label/TRADICI%C3%93N%20ORAL
http://auladeleiro.blogspot.com/search/label/Tradici%C3%B3n%20oral
http://enmupsico.blogspot.com/2011/11/quincena-da-tradicion-oral.html
http://auladesisan.blogspot.com/search/label/TRADICI%C3%93N%20ORAL

7 dic 2011

O APALPADOR










Chega o Nadal e con el as panxoliñas, os Reis Magos, Papá Noel… pero este ano, ao CRA de Ribadumia, tamén ven o Apalpador. Dende a biblioteca escolar animámosvos a coñecer este personaxe mítico galego que, segundo a tradición, baixa das devesas polo Nadal a palpar a barriguiña dos cativos e deixarlle agasallos. Se queredes ver o conto ou xogar un anaquiño, picade nas imaxes.




Para coñecer o que andan a facer os cativos nas diferentes aulas
http://ribadumiapequenos.blogspot.com/search/label/O%20APALPADOR
http://auladeleiro.blogspot.com/search/label/Apalpador
http://auladesisan.blogspot.com/2011/12/o-nadal-e-o-apalpador.html http://enmupsico.blogspot.com/2011/12/cancion-o-apalpador.html

3 dic 2011

A VIAXE DE FÉLIX

Dende a biblioteca escolar, este curso pretendemos realizar unha viaxe por diferentes países do mundo. Partindo do conto “Cartas de Félix” de Annette Langen visitaremos Londres, París, Roma… se queredes coñecer o moito que xa traballaron nas diferentes aulas ao respecto, picade nos seguintes enlaces: http://auladeleiro.blogspot.com/search/label/Cartas%20de%20F%C3%A9lix
http://ribadumiapequenos.blogspot.com/search/label/F%C3%89LIX%20EN%20LONDRES
http://enmupsico.blogspot.com/2011/11/visit-to-london.html
http://auladesisan.blogspot.com/2011/11/cartas-de-felix.html

E para os que aínda non coñezan a Félix, a lebre de peluche que Sofía perdeu no aeroporto á volta das vacacións… aquí tedes as primeiras páxinas deste marabilloso conto.

1 dic 2011

MOITO QUE CELEBRAR…

O Ministerio de Educación ven de comunicarnos que o noso centro recibiu o terceiro premio no Concurso Nacional de boas prácticas na xestión e dinamización das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2011.
Un recoñecemento o esforzo realizado pola escola para facer da biblioteca un espazo de aprendizaxe e goce de toda a comunidade educativa. Dende esta páxina queremos compartir con todas as familias este premio e a ledicia que para nós supón.
Aproveitamos para dar os parabéns aos outros centros premiados